Stories by Gabri Fuentes on Medium
Hai aquí preto unha igrexa do século XIV á que, nos anos 50, lle taparon o campanario cunha estrutura de cemento. Gardaba certo parecido co orixinal, pero nunca quedou claro por que se decidiu cubrir parte do campanario e modificar o tellado. Hai quen sostén que se fixo para borrar unha simboloxía que non gustaba naquela época. Outros din que emparedaron un home.
En 2026, por fin, acordouse retirar ese engadido e descubrir o que había detrás. E foi entón cando estourou unha polémica inesperada.
Parte da veciñanza opoñíase á restauración. Non todos, pero si os suficientes como para facer ruído. Alegaban que sempre coñeceran a igrexa así, co campanario de cemento, e que esa imaxe formaba parte da súa identidade. “Foi así toda a vida”, repetían.
Pero que significa realmente “toda a vida”? Os máis vellos apenas conservaban un recordo difuso do aspecto orixinal. Co paso dos anos, afixéranse á versión alterada. “Si, case toda a vida foi así”, acababan matizando, máis por inercia que por convicción.
As autoridades impulsaron a restauración apoiándose en criterios patrimoniais. Explicaron que baixo o cemento se conservaban elementos de gran valor histórico e arquitectónico, e que retiralo permitiría recuperar a igrexa tal e como fora concibida. O templo que durante séculos empregaran os devanceiros da propia comunidade.
O argumento era sólido: tratábase dunha cuestión de respecto polo patrimonio e de xustiza coa historia.
E, pouco a pouco, parte da veciñanza —non toda— foi entendéndoo. Aceptaron mirar máis alá do costume e permitir que saíse á luz o que levaba décadas agochado baixo o cemento. Así, por primeira vez en séculos, a igrexa puido recuperar a súa forma orixinal.
Esta igrexa e ese campanario de cemento non existen (e, seguramente, mellor así).
O que si existe son milleiros de topónimos deturpados que, coma ese cemento, levan convivindo con nós “toda a vida”.
Os topónimos son patrimonio inmaterial do mesmo xeito que as igrexas ou os cruceiros forman parte do patrimonio material. E, como tal, deben ser preservados e restaurados cando cómpre.
Por que custa tanto entendelo? Por que facemos pesar máis o noso costume, a nosa ollada monolítica do presente?
Do mesmo xeito que non cuestionariamos o criterio de arquitectos ou historiadores da arte na restauración desa igrexa, tampouco deberiamos poñer en dúbida o traballo das persoas expertas en lingua cando se trata de recuperar os nosos topónimos.
Desconfiade de quen prende a semente da discordia nestes temas de respecto co noso pobo. Pobo tamén é quen nos precedeu, non o esquezamos.
Esa xente, a da discordia, adoita agochar intereses partidistas, nin se quera políticos. Pouco lle importa a toponimia, a historia e a xustiza. Coidemos de nós coidando do noso.
Cando marcharon as pombas do parque, quedaron só as farangullas máis cativas e insignificantes.
E eu con elas.
Cando camiñas abstraído páraste máis a observar.
O verán pasado vira debuxadas unhas siluetas no chan preto da Praza Roxa. Todo apuntaba a un crime infantil onde as vítimas eran asasinos e policías. Cada vez a cativada empeza máis nova na novela negra, supoño.
Cousas que sacan sorrisos e que están aí, para o desfrute de quen repare.
É un exercicio de deconstrución importante deixar o ego ao lado ata nunha situación tan banal.
Parece que non, pero a soidade é máis levadeira cando sentes de fondo un arrolo acompañado dun bater de ás.
As pombas non o fan a mal, coitadas.
Pero a peor soidade é a sensación de silencio.
Hai moitos silencios, claro, pero o que máis doe é o que se manifesta nas relacións entre as persoas, nun plano empático. Ese que nos fai invisibles, esa falta de escoita dos demais. O silencio da incomprensión.
É un oco que non debera existir, que tivo o seu momento e contexto, pero foi ignorado.
E aí quedaches ti, falando só, falando para nada.
Á ausencia de escoita nun diálogo dinlle monólogo.
Mono- é un.
E unha mona son eu. Unha mona silenciosa, iso si.
Aínda ían 40 graos cando cheguei a Hassi Bel Guebbour. Atopei un pequeno asentamento con tres casas de adobe e unha ampla estación de servizos por onde paraban os enormes camións que cruzan o distrito de Illizi.
Facíaseme máis inhóspita do que agardaba, nada que ver co ambiente da cidade de In Amenas. Alí sobraban bares, sitios que visitar e xente. Aquí estabamos nós coas nosas sombras e pouco máis.
Entendín a estrañeza do condutor do taxi cando lle dixen o meu destino.
O clima alxeriano resultaba, máis que seco, perforador. Apertábate en cada poro dende o amencer á noite, sentíase un angazo afiado trazando regos ardentes nos brazos e na caluga. Aquel sol era capaz de atravesar a pel e torrar o sangue, secaba a enerxía e derretía o pensamento ata o punto de temer a letalidade da luz. Así era que todos os alxerianos que coñecía se expresaban con educada apatía.
O taxista deixoume xusto na porta do hotel, un edificio vello de dous andares feito de cemento, adornado con dúas palmeiras e uns toldos, descolgados por un dos lados, para descansar á sombra. Ao redor apenas se vían tres coches e catro choupanas, tres delas, abandonadas. A que quedaba xusto á dereita era o ultramarinos de Said, o único sitio onde mercar algo máis que as barriñas enerxéticas da estación de servizos.
Nada máis sacar a maleta de man e pagarlle, o taxista fuxiu a lume de carozo pola estrada, levantando unha molesta nube de po que se me meteu nos ollos.
Na porta do hotel esperaban para recibirme dous axentes de policía aos que saudei ao lonxe e que decidiron ignorarme ata que me acheguei a eles.
— Vostede é o experto? — preguntou en baixo un deles, sen parar de ver para todos lados. Parecía asustado.
— Son. O morto ond…? — o outro policía botoume a man á boca sen deixarme rematar a frase.
— Non diga nada! A xente é curiosa, logo fala moito do que non sabe e veñen os problemas. — destapoume a boca e miroume buscando comprensión, ou iso crin ver naqueles ollos de area escura — .
— Se non hai ninguén para escoitar, estéase tranquilo. — repliquei sinalando ao noso redor.
— Aquí ata as dunas escoitan os murmurios, señor. — a súa mirada desafiante conseguiu intimidarme. — O dono do hotel, o vello Aasha, é amigo meu. Por favor, mantéñao en segredo.
— Está ben, enténdoo. — sorrinlle para tranquilizalo, pero non pareceu facer moito efecto. — Aínda que máis cedo que tarde todo o país saberá a verdade. Non tardará en saír nos xornais.
Os dous homes miráronse serios, co moreno palidecido e as mans suorentas, e camiñaron ao interior en silencio.
Cando crucei o limiar da porta non vin nada. O contraste de luz deixoume cego un bo anaco, ata que dei aberto ben as pupilas e enfocado aquel humilde recibidor.
Dentro reinaba a escuridade: as xanelas estaban todas pechadas e polo pouco que dei enxergado, non observei lámpadas. O chan era de terra compactada e as paredes estaban adornadas con carteis e cadros con motivos árabes. Aproveitei para pousar a maleta ao carón da parede, onde non molestase.
O mobiliario era o xusto: un sofá descosido á esquerda cunha mesa e unhas cadeiras escolares acompañando e, ao fondo no centro da estancia, un mostrador de madeira escura. Cadraba xusto á esquerda das escaleiras, pegadas á parede dereita, enfronte á entrada.
Alí detrás estaba o que parecía o dono, un home maior de turbante e barba canosa e mesta.
Debía ser o tal Aasha.
Os tres homes comezaron a falar en árabe entre eles, sinalándome a min e ao andar superior de vez en cando. Fun inspeccionando a estancia coa vista, procurando reparar en todos os detalles da sala, por pequenos que fosen, e ir debuxando na miña mente o espazo en que acontecera o terrible crime polo que estaba alí.
Era un lugar horrible, un sitio noxento onde atopar a morte. Aínda que cousas peores tiña visto xa en todos os anos que levaba no Departamento de Crimes Atípicos. Lembrei aquela investigación na India onde atoparamos centos de corpos estrangulados a mans dos novos thuggee.
As criaturas que capturamos ou matamos no DCA adoitan ser seres de natureza mítica, monstros de lendas e pesadelos que mantemos afastados e ocultos o mellor que podemos da sociedade.
Pero hai bestas incontrolables. Crueis, viscerais, remexidas pola carraxe. E da peor de todas as naturezas.
Humanos.
Pero o crime polo que foran requiridos os meus servizos parecía cousa dun coñecido ente do deserto. A voz trémula dos policías confirmábao, aínda que serenasen o ton falando co vello Aasha, que rosmaba con poucas palabras mentres os policías seguían co seu. Tiñan pinta de ser uns tíos pesados da hostia.
Coitado do vello.
Eu seguía inspeccionando a zona coa vista, identificando puntos de entrada e saída. Ademais da porta principal, había un marco oco detrás do mostrador, disimulado baixo unha cortina de bolas de madeira pintadas de dourado e marrón.
Ao carón, amarrada con dúas puntas nos extremos, tiña pendurada a bandeira de Amazigh, coas súas tres franxas horizontais azul, verde e amarela e os característicos trazos vermellos no medio. Era a bandeira que os cabilios adoptaran como sinal de identidade fronte á opresión centralista no país.
Resultaba estraño atopar bandeiras así en lugares tan afastados coma este da rexión calibia, ao norte do país. Quizais o vello era independentista. Ou un exguerrilleiro. Ou simplemete quería manter vivo o recordo da súa terra, poida que súa a única compañía familiar.
Pensando no seu pobo quizais facía máis lixeiras as longas xornadas en Hassi Bel Guebbour, que, sen dúbida, non era un lugar con encanto. Aínda que iso non cambiaba moito por ter un trapo colgado na parede.
A conversa parecía non dar rematado. Soaba para min como unha gheada constante guiada por un seseo inintelixible, que se mantiña de fondo mentres eu seguía cavilando nas circunstancias daquel atroz asasinato nun lugar onde, polo visto, só a morte sabía chegar.
Cando volvín a vista aos tres homes, decateime de que o dono non me quitara a vista de enriba dende que entrara. Mantívenlle a mirada e entrei naqueles ollos negros, pero non atopei máis que miseria e soidade. Sentín mágoa.
De súpeto, calaron.
O dono fixo un xesto coa man para que o acompañase. Saíu de detrás do mostrador e xirou á súa esquerda para subir aquelas escaleiras irregulares cheas de po. Os tres seguímolo en silencio en ringleira.
Conforme subiamos, ía notándose o habitual fedor da descomposición incipiente que adoitaba atopar na maioría dos casos. O andar superior era un corredor escuro cunha pequena xanela ao fondo e dúas portas en cada lado, tres habitacións e un minúsculo baño. Xa se vían restos de sangue en forma de pegadas e manchas polo chan e as paredes. Tomei aire para prepararme ante a barbarie.
Cando abriu a primeira porta e vimos os corpos dos dous meniños, os policías non puideron evitar unha arcada.
O cheiro era penetrante e a escena era abominable, grotesca, sádica.
Aquilo non o fixera un humano.
Ao reparar nas marcas dos corpos esgazados decateime de que aquela ía ser unha caza máis longa e dura do que podía imaxinar.
— Salta comigo.
Dende o bordo do acantilado, de costas ao mar revolto, Lemara imploraba coa súa mirada a Bálar. Os talóns da fermosa rapaza sobresaían do cantil, acariñados polos torrentes de vento ascendentes. Mesmo entre a escuridade da tarde de tormenta, adiviñábase como os seus cabelos e o camisón branco parecían levitar entre maxia do orballo, que caía máis amodo do normal. A salitre cargaba o vento.
–Non podes saltar, Lemara, non estás preparada. –Bálar intentaba falar coa calma da sabedoría, co control de quen é sempiterno e ve no futuro un horizonte e non unha montaña concreta. Pero non podía, incomprensiblemente, o seu acougo natural desaparecera. Os ollos de Lemara berraban enfermidade, estaba consumida polo sangue negro e a culpa era del e só del. Ao pensalo agromaba nel unha calor que levaba moito sen bulir, unha calor débil e humana.
–Por favor, Lemara. –as palabras saían cortadas polo desasosego. Co vento e os ruxidos do mar era difícil escoitalo malia a súa poderosa voz. Por primeira vez, Bálar imploraba a unha mortal.– Non o fagas, Lemara. Morrerás.
Mentres falaba, achegábase aos poucos á rapaza enchoupada, pisando con tino polas rochas molladas. Lemara emanaba frío, soidade. O sangue negro chegara ao seu corazón e a súa alma só clamaba pola ambición inmortal. Quizais se a atrapase a tempo, podería reverter o proceso…
Un rebumbio empezaba a latexar dentro de Bálar. Era medo o que sentía? A idea non lle deixaba pensar con claridade. Tiña que avanzar e suxeitala con forza coa maña suficiente para non se precipitaren ao baleiro. Só faltaban uns poucos pasos.
Pero por primeira vez, Bálar non chegou a tempo.
Lemara estirou os brazos en forma de cruz e deixouse caer de costas, coma un chumbo á boca do océano famento. Esvaeceuse entre a néboa e as ondas que rabuñaban o noiro escarpado devoraron a súa alma perdida.
Lemara desapareceu da vista de Bálar para sempre, e ante el só quedaron a inmensidade do mar e a calixe.
Estou desexoso de que marche a luz para que todo pare. Sentir a nudez da desconexión, a confusión da escuridade e ver o tempo quieto por fin nun intre.
E logo que veña, que impacte, que caia de golpe. Un relustro de longas e finas pólas enerxéticas que devolva toda a luz perdida ao outro lado da xanela mollada.
Contar os Mississippis como cando era pequeno.
Escoitar o trono retumbar.
Soster no peito o estertor nocturno do extraordinario e decatarnos de que o tempo non sabe se seguir ou descansar un chisco máis no relanzo do trebón.
Como di Aldina, o importante é que por un momento fomos todos guapos.